Monumento em homenagem «ao professor e à educação» em Vila do Conde
(...) Eu quería moito a aquel mestre. Ao principio, os meus pais non podían crelo. Quero dicir que non podían entender como eu quería ao meu mestre. (...)
Non, o mestre don Gregorio non pegaba. Pola contra, case sempre sorría coa súa cara de sapo. Cando dous pelexaban no recreo, el chamábaos, "parecedes carneiros", e facía que se deran a man. Logo, sentábaos no mesmo pupitre. Así foi como fixen o meu mellor amigo, Dombodán, grande, bondadoso e torpe. Había outro rapaz, Eladio, que tiña un lunar na meixela, no que mallaría con gusto, pero nunca o fixen por medo a que o mestre me mandara darlle a man e que me cambiara de xunto a Dombodán. O xeito que tiña don Gregorio de mostrar un grande enfado era o silencio.
"Se vós non calades, terei que calar eu".
E ía cara ao ventanal, coa mirada ausente, perdida no Sinaí. Era un silencio prolongado, desacougante, como se nos deixara abandonados nun estraño país. Sentín pronto que o silencio do mestre era o peor castigo imaxinable. Porque todo o que tocaba era un conto engaiolante. O conto podía comezar cunha folla de papel, despois de pasar polo Amazonas e a sístole e diástole do corazón. Todo enfiaba, todo tiña sentido. A herba, a ovella, a la, a miña friaxe. Cando o mestre se dirixía ao mapamundi, ficabamos atentos como se se iluminara a pantalla do cine Rex. Sentiamos o medo dos indios cando escoitaron por vez primeira o rincho dos cabalos e o estoupido do arcabuz. Iamos ao lombo dos elefantes de Aníbal de Cartago polas neves dos Alpes, camiño de Roma. Loitamos con paos e pedras en Ponte Sampaio contra as tropas de Napoleón. Pero non todo eran guerras. Faciamos fouces e rellas de arado nas ferrerías do Incio. Escribimos cancioneiros de amor en Provenza e no mar de Vigo. Construímos o Pórtico da Gloria. Plantamos as patacas que viñeran de América. E a América emigramos cando veu a peste da pataca. (...)
In A lingua das bolboretas, Manuel Rivas (do seu libro "¿Que me queres, amor?)
Ver neste blog AQUI
adaptado de um e-mail enviado pelo Jorge
Notícias AQUI